A Subida a Escusa bota o freo: "Este ano non se vai facer"

Poio
15 de decembro 2025
Actualizado: 12:59

A popular proba automobilística, con 25 edicións ás súas costas, non se celebrará en 2026. Así o confirmou a PontevedraViva a presidenta da Escudería Buxa Motor Poio, Noemí Blas

XXV Subida A Escusa
XXV Subida A Escusa / Cristina Saiz

O automobilismo galego e pontevedrés perde, polo menos por un ano, unha das súas probas máis carismáticas, a Subida a Escusa.

"Este ano non se vai facer", confirmou a PontevedraViva a presidenta da Escudería Buxa Motor Poio, Noemí Blas, tras renunciar a ser incluída no calendario da Federación Galega de Automobilismo para 2026 aprobado en asemblea o pasado sábado 13 de decembro.

"Ás veces hai que botar o freo e no futuro xa se verá", explica a máxima responsable da escuadra organizadora dunha Subida que en 2025 cumpriu 25 edicións e que cada ano congregaba a miles de afeccionados ao motor.

Asegura a presidenta sen querer profundar que existen "varios motivos" para tomar a decisión, e non quere pechar a porta a poder recuperar o evento no futuro.

"Veremos para o ano", afirma con tristeza por ter que tomar esta drástica medida.

Porque se trata, polo menos de face a 2026, de algo irreversible "porque non pagamos xa os dereitos de calendario".

Ponse fin desta maneira a unha proba non só das máis queridas no automobilismo galego, senón que chegou a ser parte do calendario nacional como Copa de España.

O CONCELLO MANTÉN O SEU APOIO Á SUBIDA A ESCUSA

Coñecida a decisión da Escudería Buxa Motor, desde o Concello de Poio o seu alcalde, Ángel Moldes, quizo mandar unha mesaxe de apoio aos organizadores da Subida a Escusa.

"Comprendemos as razóns polas que a escudaría Buxa Motor decidiu facer este ano unha pausa na organización da proba, despois de 25 anos a pé de canón", afirma o rexedor confirmando que "seguirán contando con todo o apoio institucional por parte do Concello para cando a entidade decida retomar unha das citas máis emblemáticas do automobilismo galego".