Sufrido triunfo do Poio Pescamar para levar o derbi ante o Castro

Poio
10 de xaneiro 2026

As conserveiras adiantáronse cun golazo de Carolina Pedreira cando peor o pasaban e sentenciaron cun tanto de Débora na segunda parte. Elena volveu ser clave na vitoria do equipo

Partido de liga entre Poio Pescamar e Futsi Atlético Navalcarnero na Seca

O Poio Pescamar asinou unha vitoria de oficio no derbi galego ante un FSF Castro que nunca deixou de insistir e que obrigou ás conserveiras a rozar a perfección defensiva para amarrar tres puntos sufridos pero moi valiosos.

O choque tivo ritmo, alternativas e a Elena como clara protagonista, sostendo ao seu equipo cando máis o necesitaba.

O partido arrincou cun primeiro aviso serio do Castro, que estivo a piques de abrir o marcador por medio de Dani Sousa, pero os seus dous disparos topáronse primeiro con Elena e logo con Débora, evitando o 0-1 en apenas un minuto de xogo.

A resposta das locais non se fixo esperar e Martita rozou o 1-0, aínda que o seu disparo acabou impactando na súa compañeira Ale de Paz.

O conxunto lucense volveu apertar tras unha gran combinación entre Antía Pérez e Patricia que, unha vez máis, desbaratou Elena para manter o empate.

O Poio Pescamar tamén tivo moi preto o gol no minuto 10, cando Montoro conectou un remate nada ortodoxo a pase de Carolina Pedreira que se estrelou no traveseiro.

Tras esa acción, o técnico do Castro pediu tempo morto, pero foi o cadro local o que volveu rozar o tanto ao regreso da pausa cun envío en longo de Elena sorprendeu a Caridad, que, por inercia, estivo a piques de introducir o balón na súa propia portaría na disputa con Carolina Pedreira.

O intercambio de golpes creceu e o cadro visitante volveu dispor dunha ocasión clarísima cun control orientado de Patricia e un rexeite de Elena que caeu aos pés de Julia, que non se esperaba o balón e non puido definir ben.

Na portaría contraria, Chuli respondeu cun disparo cruzado que se marchou fóra por moi pouco.

O Castro deu entón un paso adiante coa súa presión alta e o Poio comezou a sufrir de verdade en defensa. Patricia e Jenny Santos combinaron tras un roubo na saída de balón das conserveiras, pero o tiro de Patricia saíu desviado.

O momento máis crítico chegou no minuto 15, con tres ocasións consecutivas para o Castro en menos de 20 segundos.

Na primeira, Elena gañou o man a man ante Luisa Mayara e, na segunda, a propia Mayara volveu tentalo, aínda que o seu tiro se estrelou nunha defensora. A xogada terminou cun disparo de Patricia que se marchou fóra.

E cando peor o pasaba o Poio Pescamar, chegou o premio. No minuto 17, un saque de banda botado por Montoro atopou a Carolina Pedreira, que armou un disparo potente e colocado á escuadra desde uns 15 metros, sorprendendo a Caridad e pondo o 1-0.

Lonxe de replegarse, as locais asinaron uns moi bos instantes finais da primeira parte, mantendo o perigo lonxe da súa área.

Tras o paso por vestiarios, as locais saíron decididas a ampliar a renda, rozando ao cinco minutos o 2-0 noutra ocasión de Carolina Pedreira que Caridad logrou blocar en dous tempos.

A resposta do Castro chegou cun chute de Lucía Oliveira á madeira desde a frontal, antes de que as conserveiras realizasen unha gran acción colectiva que Débora non definiu ben.

O 2-0, con todo, non tardou en chegar. Apenas un minuto despois, un envío diagonal de Bravo atopou a Noelia Montoro, cuxo remate foi repelido por Caridad. O balón quedou solto na área e Débora, moi atenta, empuxou o rexeite á rede para ampliar a vantaxe e dar aire ás locais.

A desvantaxe obrigou ao Castro a asumir riscos e apostou polo ataque de cinco con Luisa Mayara como porteira-xogadora. Pero en pleno intento de reacción, chegou a expulsión de Antía Pérez. Martita probou un disparo afastado a portaría buxán desde campo propio e a xogadora visitante meteu a man para evitar o gol, vendo o cartón vermello directa.

Malia a inferioridade, as de Lugo seguiron apertando, atopándose co poste tras un disparo de Patricia no minuto 35. As locais tamén puideron sentenciar por medio de Ale de Paz, pero o seu chute, despois de regatear a dous rivais, golpeou na madeira.

Nos compases finais, as visitantes insistiron con todo o que quedaba, pero atopáronse unha e outra vez con Elena, que pechou unha actuación sobresaliente e clave para certificar unha nova vitoria traballada e sufrida para o seu equipo.

Con este triunfo, o Poio Pescamar asalta a segunda praza e mete presión ao líder Melilla Torreblanca, aínda que queda á espera do que fagan o Alcorcón e o Roldán nos seus respectivos compromisos.

Consulta a acta neste enlace