A humidade na pista do pavillón da Raña obrigou a suspender o partido de cuartos de final da Copa Galicia Sénior Feminina de Fútbol sala que debía enfrontar este martes o Marín Futsal e o Ourense CF.
Cos equipos xa no pavillón e afeccionados presentes, finalmente optouse polo aprazamento ante o risco que supoñía o estado do terreo de xogo para a integridade das futbolistas.
O motivo era a condensación que volvía esvaradía a pista e tamén a aparición dalgunha pingueira.
O encontro, correspondente aos cuartos de final do torneo autonómico, xogarase agora noutra data aínda por determinar.