O taekwondo pontevedrés brilla no Nacional Absoluto no primeiro test con aroma olímpico

Pontevedra
09 de febreiro 2026

O Campionato de España Absoluto de Combate celebrado en Torrevieja era o primeiro evento puntuable para o ranking nacional que decidirá as prazas para os próximos Xogos Olímpicos

Medallistas do Mat's no Campionato de España Absoluto - Club Mat's
Medallistas do Mat's no Campionato de España Absoluto - Club Mat's

O taekwondo pontevedrés puxo a primeira pedra na pelexa por estar nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles.

O Campionato de España Absoluto de Combate celebrado durante a fin de semana en Torrevieja supuña o primeiro evento puntuable para o ranking nacional que decidirá as prazas para os próximos Xogos Olímpicos de 2028, previo paso por competicións internacionais como o Europeo que este 2026 se celebrará en Alemaña.

Nese primeiro termómetro os deportistas da comarca demostraron todo o seu potencial.

Especialmente destacada foi a colección de medallas achegadas polos taekwondistas do Mat's de Marín.

Iván García cumpriu os prognósticos en +87 quilos conseguindo a medalla de ouro, do mesmo xeito que o seu compañeiro Sergio Troitiño en -87 quilos. Pola súa banda Arlet Ortiz (-53 quilos) e David Robleto (-87) levaron un bronce da competición nacional.

Competaron a colección de medallas pontevedresas, con senllos bronces, Sara Cortegoso (-46, Mace Sport) e Ekaterina Rebón (-62, Número Phi).

Os seus resultados colaboraron no gran rendemento por equipos da Selección Galega.

En concreto Galicia pechou o Campionato de España co primeiro posto na clasificación por equipos feminina e na segunda tanto masculina como xeral.