O taekwondo pontevedrés viviu unha fin de semana repleta de éxitos cos seus representantes no Campionato de Europa de Clubs de Taekwondo celebrado en Sarajevo, Bosnia e Herzegovina.
E é que tanto Roi Fraga, do club de Caldas de Reis Número Phi, como Arlet Ortiz, do Mat's de Marín, brillaron nas súas respectivas categorías para subirse todo o máis alto do podio e conquistar un novo titulo europeo. No caso de Roi, este triunfo tamén lle clasifica para disputar o Europeo Sub-21.
O primeiro en saltar ao tatami foi precisamente o deportista do club caldense, que competiu o pasado venres na categoría júnior de -73 kg. O camiño cara á final arrincou cun meritorio triunfo ante o representante turco, quinto clasificado mundial da categoría superior de peso.
Avanzou Roi Fraga con senllas vitorias ante Croacia e Ucraína en dous combates moi igualados e plantouse na pelexa polo ouro de novo ante outro representante ucraíno. Non foi sinxelo gañar, pois o pontevedrés cedeu no primeiro asalto e refíxose cun avultado triunfo no segundo. Xa no round decisivo, Roi remontou novamente un 0-6 inicial para levalo por 8-6 e conquistar así o título continental.
Este éxito pon o broche de ouro á etapa júnior do taekwondista e confirma a súa progresión dentro do panorama europeo ademais de supor un dos maiores logros deportivos na historia recente do Club Número Phi.

O sábado chegou a quenda dunha Arlet Ortiz que demostrou o gran momento de forma que atravesa tras conquistar a medalla de ouro na categoría senior de -57 kg.
Do mesmo xeito que Roi, a deportista do Mat´s de Marín tamén tivo que vencer a unha representante ucraína para avanzar a unha segunda rolda que gañou con solvencia ante Serbia. A proba de lume chegou nos cuartos de final co combate fronte á cabeza de serie, a polaca Lisowska.
Nada freou a Ortiz, que se plantou en semifinais e gañou novamente a Rusia para pelexar pola medalla de ouro ante Turquía. Chegou o broche de ouro á actuación da taekwondista do club marinense, que se alzou co ouro e conquistou o título continental.
Este triunfo chega, ademais, dúas semanas despois de proclamarse campioa no President's Cup e reafirma que, aos seus 25 anos, Arlet Ortiz vive unha das etapas máis brillantes da súa carreira deportiva.