O Marín Futsal acelera na planificación da próxima tempada, na que volverá competir na máxima categoría cun proxecto que xa conta con 13 futbolistas confirmadas.
As últimas en chegar foron dúas novas incorporacións, talento novo para completar o plantel que terá á súa disposición o técnico Ramiro Díaz. Trátase de Nuria Rodríguez e Lucía Paz.
No caso da primeira é unha xogadora que chega ao club da Raña procedente do Ourense Envialia. "É unha fichaxe de futuro", asegura a entidade marinense sobre unha xogadora que "é nova pero xa ten certa experiencia despois de xogar na segunda división".
A ela súmase a gardameta Lucía Paz, procedente do Poio Pescamar, "unha das porteiras con máis proxección do fútbol sala galego e nacional", sinala o Marín Futsal.
As dúas súmanse a un equipo no que xa figuraban as fichadas Ale de Paz, Lara Balseiro e Bea Mateos e as renovadas Cecilia Puga, Marta Gago, Inés Mayán, Café, Silvia Aguete, Pau García, María León e Adriana García.