Támara Echegoyen, vencedora co Mapfre na segunda etapa da Volvo Ocean Race

Cerdedo Cotobade
24 de novembro 2017

A regatista pontevedresa xa pode presumir de contar no seu haber cunha vitoria de etapa na Volta ao Mundo a Vela. O Mapfre chegou este venres en primeira posición a Cidade do Cabo (Sudáfrica) despois de 19 días de navegación desde Lisboa. O barco español, novo líder da competición oceánica

O Mapfre celebra o triunfo na segunda etapa da Volvo Ocean Race Pedro Martínez / Volvo Ocean Race

É a súa primeira participación na Volvo Ocean Race pero Támara  Echoyen, primeira española que participa nesta prestixiosa regata oceánica, pode presumir xa de ser vencedora de etapa.

O Mapfre, entre cuxa tripulación se atopa a regatista pontevedresa, impúxose este venres na segunda etapa da Volta ao Mundo a Vela, despois de case 7.000 millas náuticas de percorrido entre Lisboa e Cidade do Cabo.

Tras unha gran actuación na segunda metade da etapa o barco con base no Real Club Náutico de Sanxenxo confirmou o seu triunfo ao chegar á capital surafricana á primeira hora da tarde do venres. Empregou en completar o percorrido 19 días, 1 hora, 10 minutos e 33 segundos, superando nunha intensa loita ao Dongfeng e ao Vestas, segundo e terceiro.

Toda unha experiencia para Echegoyen, que ademais foi 'bautizada' en plena travesía xunto aos seus compañeiros Blair Tuke e Ugo Fonollá, visitados como manda a tradición polo Deus Neptuno ao atravesar por primeira vez navegando o ecuador, provocando as bromas por parte do resto da tripulación.

Con este resultado o Desafío Mapfre suma 8 puntos máis (7 máis o punto extra polo triunfo de etapa) e pasa a liderar en solitario a clasificación xeral da Volvo Ocean Race.

Agora chega a quenda para descansar durante uns días e empezar a pensar na terceira etapa da competición, que arrincará desde Cidade do Cabo o domingo 10 de decembro cunha ruta prevista de 6.500 millas náuticas ata Melbourne, en Australia.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora