Novo éxito deportivo para o Team Thunder Marín. Os seus boxeadores asinaron unha destacada actuación na prestixiosa Porto Box Cup.
Esta competición está considerada o torneo aberto de boxeo máis grande do mundo.
A expedición marinense desprazouse até a cidade portuguesa de Porto cun equipo de dez competidores, logrando uns resultados moi positivos nun campionato de altísimo nivel no que participaron deportistas de máis de vinte países.
O gran protagonista foi Xabi Abal, quen volveu proclamarse campión do torneo, esta vez na categoría elite (70 quilos).
O boxeador galego, firme candidato ao título autonómico, completou unha actuación impecable impóndose nos seus tres combates por decisión clara e unánime.
Tamén subiu ao máis alto do podio Troy Montes, en categoría xoven, tras superar con solvencia os seus tres enfrontamentos.
Montes regresa a Marín co cinto e coa mirada posta no próximo campionato galego xoven.
O equipo logrou ademais varias presenzas en finais, aínda que sen poder facerse co cinto. Así, Carlos Leiro, Tania Portela e Luca Agulla asinaron un gran torneo, caendo nas súas respectivas finais tras un alto nivel competitivo.
En semifinais, Manuel Rodríguez e Benjamín Villaverde non puideron superar a duros rivais, obtendo finalmente unha meritoria medalla de bronce.
Pola súa banda, Martín Grandío e Aarón González quedaron apeados en cuartos de final, tras enfrontarse a rivais de Inglaterra e Irlanda, respectivamente.
Ambos ofreceron combates moi igualados e competitivos, demostrando o alto nivel do equipo a pesar de non poder avanzar no cadro.
Tras esta importante cita, o equipo xa centra a súa preparación nos seus próximos compromisos, que serán o campionato galego junior, xoven e elite que se disputará en Ferrol e o Open Ence Vila de Marín, un dos torneos máis importantes do panorama nacional.