Poucas tempadas como o presente viviu o Pontevedra Club de Fútbol ao longo da súa historia, e é que a entidade granate pode xa cualificar o curso como redondo.
Non só no que respecta ao seu primeiro equipo, chegando aos oitavos de final da Copa do Rei e logrando o obxectivo principal de ascender a Primeira RFEF, senón especialmente na súa canteira.
Ao éxito dos maiores súmanse até cinco ascensos nas súas categorías inferiores, algúns de gran valor, como gran valor ten a permanencia do Xuvenil A en División de Honra, lograda cun traballado empate a pasada fin de semana en Oviedo.
O equipo estrela das categorías de formación, dirixido por Jesús Ramos, continuará desta forma no máximo nivel nacional, un dos obxectivos principais do club granate.
Pero é que o pleno de ascensos chegou precisamente nas categorías de maior idade, e por tanto xa de maior esixencia competitiva.
O Xuvenil B, baixo a denominación de CD Lérez e adestrado por Rubén Sotelo, ascendeu á Liga Galega.
En categoría Cadete o Pontevedra logrou retornar á competición máis alta, a División de Honra, grazas ao ascenso logrado polo equipo dirixido por Óscar Farto. Ademais o Cadete B de Diego Casal sobe a Primeira Futgal.
Por último, en idade Infantil, o Pontevedra 'A' adestrado por Ángel Vidal 'Gelillo' logrou o ascenso a División de Honra, mentres que o Infantil B de Iván Vilariño fixo o propio na súa liga e xogará a próxima tempada na Segunda Futgal.