Malas noticias para Teresa Abelleira.
Tras a alarma que provocou a súa imaxe en Wembley axudada de muletas e co xeonllo esquerdo vendado, ao facerse dano nun adestramento coa Selección Española, o Real Madrid confirmou os peores prognósticos posibles sobre a lesión da pontevedresa.
Tere foi sometida a unha nova revisión á súa chegada a España.
Tal e como explica o seu club "diagnosticóuselle unha rotura do ligamento cruzado anterior e o menisco externo do xeonllo esquerdo".
Unha grave lesión que curta de raíz a tempada da centrocampista da Boa Vila, que non volverá xogar no presente curso e que perde desta forma a Eurocopa do próximo verán, para a que parecía fixa nos plans da Selección.
A campioa do Mundo "será intervida cirurxicamente nos próximos días", confirma o Real Madrid.
Parte médico de Teresa Abelleira.
— Real Madrid C.F. (realmadridfem) February 27, 2025
Tras esa operación, e tendo en conta procesos similares doutras xogadoras, Teresa deberá afrontar unha longa recuperación de entre 6 e 8 meses.
Trátase do primeiro parte oficial sobre a desgraciada lesión, que se produciu no adestramento de España o pasado martes en Wembley pero da que non se ofreceu información até a sorpresa que supuxo atoparse a impactante imaxe da xogadora apoiada en muletas, e que xa facía temer un importante contratempo físico.