Teresa Portela imponse no selectivo de Verducido e gaña oficialmente a praza para os Xogos de Tokyo

Pontevedra
09 de abril 2021

A padexeira de Aldán converterase en Tokyo na deportista española con máis participacións olímpicas da historia, con seis. "Poder estar nesa cita é a miña gran medalla", asegura

Teresa Portela, tras gañar o ouro nos Xogos do Mediterráneo
Teresa Portela, tras gañar o ouro nos Xogos do Mediterráneo

Agora si, xa é oficial. Teresa Portela converterase nos Xogos de Tokyo na deportista española con máis participacións olímpicas, con seis.

A padexeira de Aldán certificou este venres no encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, a súa praza no equipo nacional para a cita xaponesa no  K-1 200.

 

Portela lograra co seu bronce mundial o pasado ano a clasificación para Tokyo para unha embarcación, algo que noutras ocasións supoñía directamente o pasaporte pero que esta vez debía ser referendado nun control selectivo organizado pola Real Federación Española de Piragüismo.

No Pontillón cinco piragüistas competían coa pontevedresa pola praza, pero unha vez máis demostrou non ter rival na súa distancia sendo a máis rápida tanto na semifinal como na decisiva quenda final .

En Xapón Teresa Portela pelexará por pechar a súa carreira deportiva cunha medalla olímpica que se lle resiste, tras ser quinta en Atenas 2004 e Pequín 2008, cuarta en Londres 2012 e sexta en Río 2016.

En declaracións aos medios de comunicación tras o selectivo, recollidas polas cámaras da Televisión de Galicia, a deportista recoñeceu sentirse "realmente emocionada porque son máis de 20 anos da elite. É duro manterse durante tantos anos", explicou afirmando que "poder estar nesa cita é a miña gran medalla".