Carolina García consegue primeiro billete pontevedrés para o Preolímpico de piragüismo

Pontevedra
20 de abril 2021

A padexeira da EP Ciudad de Pontevedra impúxose xunto á súa compañeira Sara Ouzande (Kaiak Tudense) no K-2 500 metros do selectivo nacional que este martes comezou no encoro de Trasona

Carolina García e Sara Ouzande no Selectivo Nacional Sprint en Trasona
Carolina García e Sara Ouzande no Selectivo Nacional Sprint en Trasona / Real Federación Española de Piragüismo

O Selectivo Nacional Sprint organizado pola Real Federación Española de Piragüismo no encoro asturiano de Trasona non puido comezar de mellor maneira para o deporte pontevedrés.

Na primeira proba da xornada inaugural a pontevedresa Carolina García (EP Ciudad de Pontevedra) logrou o billete para o Preolímpico continental que se celebrará a mediados de maio en Hungría, coincidindo coa Copa do Mundo de Szeged.

Fíxoo na proba de K-2 500 metros, compartindo embarcación con Sara Ouzande (Kaiak Tudense), ao impoñerse na final cun tempo de 1:46.720 superando con claridade aos seus rivais.

 

Con este resultado Carolina García gaña o dereito para seguir soñando cos Xogos Olímpicos de Tokyo, aínda que a clasificación no Preolímpico supón un reto de altura xa que só a embarcación gañadora do K-2 500 conseguirá praza para Xapón. Ademais estarán tamén no Mundial Absoluto.

O Selectivo Nacional de piragüismo prolongarase ata o vindeiro venres 23 de abril con varias opcións máis conseguir billetes para os clasificatorios olímpicos, nas probas de C-1 e C-2 1.000 metros masculina e o C-1 200 e C-2 500 feminino. Ademais no resto de distancias está en xogo a composición da Selección Española para o próximo Mundial.