Teresa Portela recibirá a Medalla Emilia Pardo Bazán pola súa visibilidade ao deporte feminino

Pontevedra
11 de xullo 2025

A Xunta destaca que "é todo un referente consolidado na defensa dos dereitos das mulleres" e recoñece "o seu esforzo e dedicación ao longo destes anos, rompendo barreiras sociais"

Teresa Portela en París 2024 RFEP

A deportista olímpica Teresa Portela, nacida en Aldán e pontevedresa de adopción, recibirá este ano a Medalla Emilia Pardo Bazán. 

Así o deu a coñecer este venres a Xunta de Galicia a través da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A resolución concede esta medalla a Teresa Portela e tamén á política galega e ex conselleira Manuela López Besteiro e á Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), encargada da protección das mulleres vítimas de violencia de xénero.

No caso da padexeira olímpica, a Xunta destaca que "é todo un referente consolidado na defensa dos dereitos das mulleres e á hora de dar visibilidade ao papel do deporte feminino".

Destacan que "o seu esforzo e dedicación ao longo destes anos, rompendo barreiras sociais, amosa ás novas xeracións a importancia da igualdade en todos os eidos da sociedade".

A Medalla Emilia Pardo Bazán é un recoñecemento ao labor que desenvolven as persoas e institucións premiadas a prol da igualdade de xénero entre mulleres e homes en Galicia.

Este galardón foi creado pola Xunta no ano 2019 para conmemorar publicamente todas as accións que contribúen á sensibilización social e a dar visibilidade ao talento das mulleres e de todas as entidades comprometidas coa eliminación da discriminación de xénero  e a construción dunha sociedade máis igualitaria. 

Este recoñecemento leva o nome de Emilia Pardo Bazán, muller precursora na defensa dos dereitos das mulleres e do feminismo, así como do acceso á educación das mulleres, ideas que trasladou á súa obra literaria.