Teucro e Cisne xa coñecen o seu camiño na Copa Galicia de balonmán

Pontevedra
18 de agosto 2016

O edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra acolleu este xoves a presentación da Copa Galicia de balonmán, cuxa fase final disputarase en Crecente os días 2 e 3 de setembro

Presentación da Copa Galicia de balonmán no edificio administrativo da Xunta
Presentación da Copa Galicia de balonmán no edificio administrativo da Xunta / Cristina Saiz

Os equipos pontevedreses xa coñecen o camiño que lles espera na Copa Galicia de balonmán, competición que servirá como última e esixente proba antes do inicio da competición ligueira.

A súa condición de equipos da División de Honra Prata, xunto a Cangas (Asobal) e Academia Octavio (Primeira Nacional), fai que Teucro e Cisne debuten nesta competición directamente na terceira xornada, que se debe xogar antes do 29 de agosto.

Os equipos de Primeira Nacional, entre eles o filial teucrista ou o Atlético Bueu, enfrontaranse en dúas eliminatorias antes de que entren en competición os equipos importantes.

Tras esa rolda, xa con Cangas, Teucro, Cisne e Octavio, disputarase unha fase final en Crecente, os días 2 e 3 de setembro, con semifinais e final.

O partido polo título, fixado para o sábado 3 ás 19:00 horas, será retransmitido en directo pola Televisión de Galicia.

Consulta aquí o calendario da Copa Galicia 2016.