Teucro e Trapagaran fixan o seu encontro aprazado para o xoves 29 de abril

Pontevedra
23 de abril 2021

O partido, que supón un longo desprazamento ao País Vasco, disputarase o vindeiro xoves 29 aproveitando que a fin de semana non se disputan partidos de liga na División de Honra Prata

Partido entre o Teucro e o Ikasa Madrid no Pavillón Municipal Cristina Saiz

Xa hai data para o partido de liga da División de Honra Prata aprazado entre Trapagaran e Teucro, que debía terse disputado o pasado 10 de abril.

Segundo informa o club pontevedrés, tras chegar a un acordo co conxunto vasco e o Comité de Competición da Real Federación Española de Balonmán, o encontro disputarase finalmente o vindeiro xoves 29 de abril ás 19.15 horas.

A decisión de fixar o encontro para esa data, a pesar do longo desprazamento que esperará ao Teucro ata o País Vasco entre semana, débese á ausencia de partidos de liga para esa fin de semana.

Será un duelo importante para os azuis, que confían en conseguir dous puntos que supoñan un empuxón cara á permanencia na categoría, aínda que fronte a eles estará un rival que chegou á segunda fase sen puntos logrando encandear tres triunfos consecutivos nas primeiras xornadas ata a que a covid freou esa progresión.

ZAMORA, PARADA DO TEUCRO

Antes diso, na primeira xornada da segunda volta da liguiña pola permanencia os azuis viaxan este sábado 24 de abril (19.00 horas) á pista do BM Zamora, segundo clasificado a dous puntos.

Tras o empate da ida, os de Irene Vilaboa aspiran a volver puntuar para manterse na zona de salvación, ao estar só 1 punto por encima tras a súa vitoria da pasada fin de semana. Xornada clave como todas as que restan nunha segunda fase que non permite un respiro e que apunta a seguir tremendamente igualada ata o final.