A natación artística internacional mira cara a Pontevedra coa celebración por primeira vez na cidade da Copa do Mundo deste deporte, entre o 29 e o 31 de maio, e moitas desas miradas centran toda a súa atención no novo exercicio anunciado pola Selección Española Absoluta.
O equipo nacional decidiu estrear en Pontevedra as súas novas rutinas, con música de Rosalía, e é unha dos grandes atractivos da competición internacional tanto para os afeccionados como para deportistas e delegacións dos diferentes países.
Unha atención da que é consciente a seleccionadora española absoluta, Andrea Fuentes, tal e como recoñeceu á finalización do adestramento deste mércores no Complexo Deportivo Rías do Sur.
"Onte empezou a soar a música e todo o mundo parou o seu entrero a mirar, pero non só iso, no solo de Iris todo o mundo parou agora, o dúo tamén... Así que si, sinto que á xente faille ilusión o que levamos", afirmou a adestradora española.
"Acabámola fai uns tres meses e parecía imposible chegar a facelo, e xa levamos tres veces que o fixemos ben, todo. Queda aínda, pero as acrobacias, a coreografía sae, e as acrobacias son moi difíciles", explicou sobre un exercicio dunha dificultade extrema e co que miran cara aos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028.

Por iso a dous anos vista a Copa do Mundo de Pontevedra "é a preparación perfecta para despois cando teñamos o Europeo, que é cando nos atopamos con Rusia. Neste campionato están todos os demais países, así que tamén vai ben para medirse un pouco".
Andrea Fuentes tivo tamén palabras para a pontevedresa Daniela Suárez, que empeza a asomar no equipo nacional desde o equipo júnior. "Ten un futuro incrible", asegura a seleccionadora recoñecendo que "está así (sinalando en progresión cara arriba)", e é que "mellorou moitísimo estes poucos meses que leva coa selección absoluta".
Por último a máxima responsable do equipo español calificou como unha "honra" competir na Boa Vila "sobre todo polo apoio que hai e o agarimo que nos ten a xente. Sentimos súper arroupadas e as condicións de adestramento son moi boas", concluíu a seleccionadora.
