Un torneo de "alto nivel" con Benfica e Granollers para pór o broche ao 80 aniversario do Teucro

Pontevedra
05 de agosto 2025

O vicedecano do balonmán nacional presentou este martes a xornada que servirá de colofón aos actos do seu 80 aniversario

Presentación do Torneo Helenes da SD Teucro
Presentación do Torneo Helenes da SD Teucro / Concello de Pontevedra

A Sociedad Deportiva Teucro presentou este martes a traca final nos actos de celebración da súa 80 aniversario.

Unha xornada prevista para o vindeiro xoves 14 de agosto con varias citas a seguir a nivel deportivo.

Por unha banda a entidade pontevedresa ten prevista a celebración dunha charla coloquio, gratuíta, no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal (11.30 horas) na que contará coa presenza de dous adestradores de lenda a nivel nacional como o ex-seleccionador Manolo Cadenas e Zupo Equisoain, xunto aos pontevedreses Víctor García 'Pillo', Sergio Carballeira e Edu Agulló.

Despois, pola tarde, será a quenda dun "torneo europeo, de alto nivel", destacou a concelleira de Deportes, Anabel Gulías; acompañada do presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López; o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez; e representantes do comité organizador e do propio Teucro.

Nese torneo amistoso, bautizado como Torneo Iternacional Helenes, enfrontaranse por unha banda ás 18.45 horas o primeiro equipo do Teucro contra unha Selección Galega de xogadores de Primeira Nacional.

Por outra banda dous equipos que disputarán esta campaña competición continental, como son o BM Granollers e o SL Benfica portugués (21.00 horas).

A entrada para asistir aos dous encontros fixouse en 10 euros para os afeccionados maiores de 16 anos (os de menor idade terán acceso de balde), podendo tamén acceder os socios do Teucro que retiren o seu carné antes do día 14.

Un torneo que "creo que pon en valor o carácter balonmanístico de Pontevedra", defendeu Víctor García 'Pillo'.