Traballo na sombra e ferrollo informativo cos primeiros movementos do Pontevedra

Pontevedra
22 de maio 2018

O club foi falando nos últimos días cos xogadores do actual plantel, pero ao contrario que anteriores campañas, non confirmou ofertas de renovación concretas ou con que futbolistas non contará a próxima campaña. O nome do adestrador, tamén no aire

Lupe Murillo e Roberto Feáns saen do vestiario de Príncipe Felipe Mónica Patxot

A planificación do Pontevedra Club de Fútbol 2018/2019 está en marcha, aínda que polo momento con moitos interrogantes sobre a mesa.

A presidenta, Lupe Murillo, anunciou en Majadahonda que tomaría uns días de descanso e reflexión, pero o certo é que o club iniciou os primeiros movementos, especialmente tras o final dos adestramentos do equipo e a comida de final de tempada celebrada o pasado mércores, con posterior reunión do Consello de Administración.

En primeiro lugar a entidade falou cos futbolistas que residen lonxe da cidade, coa intención de que puidesen regresar ás súas casas sen máis demora, e co inicio desta semana empezou a recibir aos xogadores que aínda se atopan na Boa Vila.

Con todo, ao contrario en pasadas campañas impúxose un ferrollo informativo. Se noutras ocasións o Pontevedra facía público a listaxe de futbolistas aos que ofrecera continuar, agora decretouse o segredo neste aspecto, mesmo a uns xogadores que tampouco se pronuncian para non prexudicar as súas opcións de seguir vestindo de granate.

O único que confirma polo momento a entidade granate é os contactos cos seus actuais xogadores, negando calquera movemento na incorporación de novos homes.

Ademais sobre a mesa está tamén outro punto clave no novo proxecto, o nome do adestrador que o dirixirá. Neste aspecto todo pode pasar. Luismi non está descartado como tampouco o está a idea de contratar un novo técnico, aínda que esta decisión será das primeiras en tomarse para acordar co preparador a planificación do plantel.

O único seguro polo momento son os futbolistas que contan con contrato en vigor para a próxima tempada, como son Berrocal, Nacho López e Darío Flores, no caso destes dous últimos tras cumprir os criterios de renovación automática asinados á súa chegada no mercado invernal.