A Transgalaica converte Cerdedo-Cotobade no epicentro do BTT galego

Cerdedo Cotobade
29 de marzo 2026

O XVI Trofeo Concello de Cerdedo-Cotobade reuniu a centos de ciclistas para disputar a terceira cita da Transgalaica 2026. Ángel Maneiro logrou o primeiro posto na clasificación xeral

Podio de la Transgalaica 2026 en el XVI Trofeo Concello de Cerdedo-Cotobade Transgalaica

Este domingo viviuse unha intensa xornada de BTT nos montes de Cerdedo-Cotobade coa celebración da terceira etapa do calendario da Transgalaica 2026.

E é que máis de 250 ciclistas déronse cita nunha proba que, ademais, puña en xogo o XVI Trofeo Concello de Cerdedo-Cotobade.

O percorrido constou de dúas voltas ao redor dun circuíto que arrincou en Carballedo e atravesou algúns dos lugares máis emblemáticos da zona como a Calzada Romana, o Monte Coirego ou o carreiro Foxo do Lobo.

En total foron 64 kilometros de percorrido cun desnivel positivo duns 1.400 metros.

A proba arrincou ás 9:30 e culminou sobre as 13:30 cunha entrega de premios que tivo como protagonista ao gañador da etapa Ángel Maneiro, que completou o percorrido en 2:50:02,1.

Acompañáronlle no podio da xeral Samuel González (2:53:35,7) e Manuel Ángel Parada (2:53:36,0), que foi ademais o gañador da categoría Master 30. A piques de subir ao podio estivo Iago Carou, cuarto na xeral e gañador na categoría sub 23 (2:54:06,6)

Na categoría feminina destacou a vitoria de Tamara Seijas (3:31:17,1), que terminou por diante de Noa Rodríguez (3:36:32,6) e Raquel Román (3:38:00,9).

Completando a clasificación do Master 40 está Uxío Canosa, que logrou un tempo de 2:54:21,6 para gañar na súa categoría e quedar quinto no xeneral. Seguíronlle Daniel Regueiro (3:00:56,1) e Alberto Neira (3:01:14,8).

Francisco Xavier López foi o máis rápido en Master 50 (3:02:47,0) seguido de Carlos Valiña (3:11:47,0) e Yago Fernández (3:12:07,3); e Carlos Manuel Martínez impúxose na categoría de Master 60 cun tempo de 3:49:16,6.

Coa entrega de premios púxose o broche de ouro a unha gran xornada de BTT en Cerdedo-Cotobade. A Transgalaica 2026 supera así o ecuador da competición con tres etapas completadas. A próxima cita será o 26 de abril no municipio de Friol, en Lugo.