Tras dúas xornadas perdendo a algún dos seus futbolistas por acumulación de amoestacións, o Pontevedra Club de Fútbol volve estar en 'alerta amarela' polos cartóns.
As amoestacións mostradas polo colexiado no partido de liga en Luanco colocaron a dous futbolistas granates máis na lista de apercibidos de sanción.
Son en total tres os xogadores que se atopan a un cartón da suspensión.
Nas últimas xornadas Samu Mayo foi baixa por este motivo contra o Compostela, Mario Gómez fronte ao Langreo e Garay no encontro máis recente no campo do Marino.
Ante o Escobedo Yago Iglesias non terá polo menos este problema.
En Luanco os amoestados foron Mario Gómez e Samu Mayo, nun novo ciclo de cartóns, pero tamén Rufo e Xabi Domínguez, que pasan a contar en ambos os dous casos con catro amarelas.
O terceiro apercibido en discordia é Dalisson de Almeida, aínda en proceso de recuperación da lesión que lle fixo perderse os últimos partidos.
Por detrás, con tres cartóns, atópanse Javi Fontán e Edu Sousa.
Unha circunstancia que a estas alturas da tempada é habitual nos equipos, e que suporá sen ir máis lonxe ao próximo rival, o Ecobedo, non poder contar en Pasarón con dous dos seus homes de ataque, o extremo Mateo Gandarillas e o dianteiro Nacho Martínez.