Tres días de descanso antes do emocionante sprint final

Pontevedra
19 de abril 2019

Cinco triunfos nas cinco últimas xornadas ben merecen unha recompensa en forma de descanso para o primeiro planteñ do Pontevedra, que tras vencer o Rápido de Bouzas gozará de tres días de 'vacacións' e non regresará ao traballo o vindeiro luns 22

Partido entre Pontevedra e Rápido de Bouzas en Pasarón Diego Torrado

Cinco vitorias nas cinco últimas xornadas, 15 puntos de 15 posibles, situaron ao Pontevedra Club de Fútbol por mérito propio nos postos de play- off de ascenso cando cada vez queda menos para o final da liga regular.

Os granates chegaron nun gran estado de forma ao momento decisivo, e tras o esforzo realizado nas últimas semanas gañáron un descanso.

Aproveitando a decisión do club de adiantar o choque ante o Rápido de Bouzas ao Xoves Santo, e tendo en conta que non disputará a próxima xornada ata o domingo 28 (12:00 horas) a domicilio ante o Unión Adarve, o corpo técnico decidiu outorgar ao plantel tres días de 'vacacións'.

Desta forma os futbolistas non regresarán ao traballo ata o luns día 22, nun adestramento previsto no campo de Chan do Monte de Cerponzóns ás 10:30 horas. Será unha semana atípica xa que se cambia o día habitual de descanso ao mércores, adestrando o resto de días, incluído o sábado, cando emprenderán a viaxe á comunidade madrileña.

Con esta decisión, ademais de premiar o esforzo do plantel, preténdese dar un respiro antes do emocionante final de tempada que se presenta, co equipo pelexando por disputar a fase de ascenso á Segunda División.

Nas catro xornadas que restan os de Luismi xogarán tres encontros fóra e só un en Pasarón, empezando por un dobre desprazamento aos campos de Unión Adarve (28 abril) e Las Palmas Atlético (5 maio), para recibir despois en casa o Atlético  B (12 de maio) e pechar a liga regular visitando ao Real Madrid Castilla (19 maio).