Tres novos 'Ravacholiños' para dar cor aos Mundiais Multideporte de Tríatlon

Pontevedra
07 de maio 2025

A popular mascota, que ilustra os eventos internacionais de tríatlon en Pontevedra desde o ano 2019, suma xa ata 17 versións

Ravacholiños do tríatlon pontevedrés
Ravacholiños do tríatlon pontevedrés / Concello de Pontevedra

Se hai unha imaxe que resume e representa a multitude de eventos internacionais de tríatlon que Pontevedra acolleu nos últimos anos esa é a do Loro Ravachol.

Desde os Mundiais Multideporte de 2019 o papagaio é a mascota oficial dos campionatos celebrados na Boa Vila, como unha Copa do Mundo, a Gran Final das Series Mundiais e agora de novo os Campionatos do Mundo Multideporte, que se celebrarán do 20 ao 29 de xuño.

Este gran evento sumará tres novas versións de 'Ravacholiños'.

O ilustrador pontevedrés David Campos deseñou novos debuxos de Ravachol caracterizado como rockeiro, polbeiro e pelegrín.

Con este tres novas opcións son xa 17 as versións da mascota que se crearon.

Ademais do Ravachol atleta, ciclista, nadador e paratriatleta, xa existían versións como voador, cos brazos cruzados, brindando cunha copa de albariño, facendo un selfie, como medallista, compoñendo un corazón coas súas ás, o rapeiro e dúas versións formando un OK. Ademais existe un deseño do Nadal.

Nas súas diferentes versións o Loro Ravachol protagoniza os distintos elementos da comunicación local e internacional do evento.

Todo iso sen esquecer unha caracterización real creada pola compañía local Pablo Méndez Performances que percorrerá a cidade durante as xornadas do campionato interactuando con deportistas e visitantes.