Paso importante do Pontevedra na planificación do plantel tras pechar, de golpe, a incorporación de tres futbolistas para a súa liña medular.
Os granates fixéronse cos servizos de xogadores contrastados na categoría, como son Iker Alegre, Jacobo Trigo e Abel Suárez.
Alegre, futbolista asturiano de 30 anos, aterra en Pasarón procedente da Unión Deportiva Logroñés, do mesmo xeito que Jacobo Trigo. Iker levaba dúas tempadas na Rioxa, onde afacía xogar como extremo destro, aínda que tamén pode actuar como media punta. Antes coincidiu co que será o seu adestrador, Luisito, no Ourense (2013/2014), aínda que tamén pasou por equipos fortes da categoría de bronce como o Real Oviedo ou a Real Unión. No último ano o xogador asturiano anotou 7 goles nun total de 29 partidos de liga.
Jacobo Trigo pola súa banda é un mediocentro vigués, de 27 anos, que disputou no Logroñés 42 encontros esta campaña entre liga, play-off e Copa do Rei. Antes fogueouse na categoría de bronce en Zamora e Burgos.
Por último a dirección deportiva do Pontevedra confirmou a contratación de Abel Suárez, tamén mediocentro aínda que neste caso zurdo, de 25 anos, e que chega ao club granate procedente do ACS Poli Timisoara da Primeira División de Romanía. Trátase dun futbolista canario, formado na canteira do Club Deportivo Tenerife, con quen chegou a debutar en Segunda División a pesar de varias cesións en Segunda B antes do seu traspaso, o pasado mercado de inverno, ao equipo romanés, onde contou con poucas oportunidades.
Os tres fichaxes comprométense co club pontevedrés por unha tempada e non serán as últimas incorporacións do equipo, xa que os responsables da planificación deportiva céntranse agora en atopar os últimos reforzos, especialmente para a liña de ataque.