O Club Cisne Balonmán deu un paso grande na planificación da próxima tempada asegurando a continuidade de tres xogadores importantes do equipo.
A entidade pontevedresa confirmou este martes a tripla renovación do gardameta Abián Rodríguez, o central Iago Costas e o pivote Dani Virulegio.
No caso de Abián, o porteiro canario cumprirá deste xeito a súa sexta campaña no Cisne. "O seu compromiso e entrega ás nosas cores son acenos de identidade do xogador de Gáldar", asegura o seu equipo.
Dani Virulegio pola súa banda, formado desde cadete na canteira cisneísta, afrontará a súa terceira tempada consecutiva no primeiro equipo, ao que regresou na 24-25 tras o seu paso polo Atlético Valladolid e Villa de Aranda. "A súa fortaleza, carácter e crecemento quedaron claros na pista do Municipal", sinala o Cisne.
No caso de Iago Costas "seguirá ordenando o xogo da nosa primeira liña esta próxima tempada", explica o club.
O central galego vivirá tamén o seu terceiro ano consecutivo en Pontevedra.
Con eles tres o Club Cisne acelera na planficación mirando cara a novos retos na División de Honra Prata, contando xa con até nove pezas confirmadas no equipo.
Abián Rodríguez, Iago Costas e Dani Virulegio únense a unha lista de confirmacións na que xa figuraban os tamén renovados Alberto Delgado e Manu Lorenzo, o repescado Manu Hernández e os fichados Juan Saco, Luisma De Goya e Carlos Gómez.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.