Triunfo e mellor marca persoal para o marchador Daniel Chamosa no autonómico de 10 quilómetros en ruta

Pontevedra
17 de xaneiro 2022

O atleta da Sociedad Gimnástica detivo o crono en 41 minutos e 21 segundos no campionato galego celebrado na Pobra do Caramiñal

Daniel Chamosa posa cos demais gañadores do campionato galego de 10 quilómetros marcha en ruta
Daniel Chamosa posa cos demais gañadores do campionato galego de 10 quilómetros marcha en ruta / Federación Galega de Atletismo

O marchador pontevedrés da Sociedad Gimnástica Daniel Chamosa proclamouse a pasada fin de semana campión autonómico na modalidade de 10 quilómetros marcha en ruta. No campionato celebrado na Pobra do Caramiñal, Chamosa logrou ademais establecer a súa mellor marca persoal cun rexistro de 41 minutos e 22 segundos.

O atleta avantaxou en máis de catro minutos aos seus dous inmediatos perseguidores: Juan Manuel Morais do Castelo e José Fernández Nieves, ambos de categoría máster 40.

Con este triunfo, o marchador da Ximnástica comeza o novo ano co mesmo bo estado de forma co que pechou 2021, no que xa mellorara os seus rexistros, foi subcampión autonómico na mesma distancia en pista e contribuíu cos seus resultados para manter ao seu club en División de Honra.

Doutra banda, a estradense Carmen Escáriz proclamouse tamén campioa galega na mesma proba cunha marca de 46 minutos e 1 segundo.