Triunfo histórico do Cisne ante o Teucro na Copa do Rei (29-24)

Pontevedra
28 de setembro 2019

A División de Honra Prata fixo un parón para deixar paso á primeira rolda da Copa do Rei. Cisne e Teucro mediron forzas nun partido no que o conxunto dirixido por Luís Montes mostrouse moi inestable, sensación que souberon aproveitar os de Jabato para impoñer o seu xogo

Partido de Copa do Rei entre Cisne e Teucro no Pavillón Municipal
Partido de Copa do Rei entre Cisne e Teucro no Pavillón Municipal / Diego Torrado

A División de Honra Prata fixo un parón para deixar paso á primeira rolda da Copa do Rei. Cisne e Teucro mediron forzas nun partido no que o conxunto dirixido por Luís Montes mostrouse moi inestable, sensación que souberon aproveitar os de Jabato para impoñer o seu xogo.

As diferenzas nos primeiros minutos foron mínimas e non foi ata o ecuador da primeira metade cando os de Luís Montes aproveitaron a exclusión de Iván Calvo para facer un parcial de 2-0 e poñerse por diante no marcador coa que sería a súa máxima vantaxe (6-8).

Pouco tardou en reaccionar o Cisne que enseguida puxo a igualada no luminoso (8-8) con dúas boas accións de ataque por parte de Andrés Sánchez e Miguel Simón. Foi o conxunto de Jabato o que, neste caso, aproveitou a exclusión de Bojicic para facer un parcial de 3-0 e poñerse por diante no marcador (11-9).

Unha nova exclusión nas filas do Teucro aumentaría a vantaxe do conxunto que xogaba como local e, aproveitando a diferenza numérica da cancha, chegou ao descanso cunha diferenza de tres no luminoso (13-10).

A pesar de que foron os de azul os que comezarían mandando o balón á rede no primeiro ataque da segunda metade, foi o Cisne o que levou as rendas do encontro tras o paso polos vestiarios.

Villamarín converteuse nun pesadelo para os lanzadores do Teucro que lanzamento que facían, lanzamento que o porteiro paraba. Desta maneira foi como o equipo dirixido por Jabato seguiu afastándose ata o 16-11.

Despois dun tempo morto pedido por Luís Montes para tratar de darlle a volta ao partido, o Teucro recortaría distancias con goles de Poveda e Iván Rodríguez que de pouco serviu xa que, cun 16-13 no marcador, a diferenza de tres goles foi o máximo que conseguiu recortar o conxunto recentemente descendido de Asobal.

Os últimos 20 minutos de encontro foron un pesadelo para o Teucro que cada vez vía máis lonxe empatar o partido. O Teucro marcaba, e o Cisne respondía con outro tanto cunha máxima vantaxe de 8 goles.

Pero, a falta de 5 minutos, o Cisne cometeu cinco erros defensivos que o Teucro aproveitou para achegarse no marcador (26-23), recorte que de pouco serviu xa que, os de Jabato volveron coller forzas para terminar o partido marcando os dous últimos goles e impoñendo un resultado histórico para o equipo pontevedrés (29-24).

Consulta a acta do partido Cisne-Teucro na web da RFEBM.