Un Cisne moi superior volve gañar o derbi do Lérez ante o Teucro (26-33)

Pontevedra
02 de novembro 2019

Despois da vitoria do Cisne fronte ao Teucro na Copa do Rey, os de Luís Montes buscaban o desquite para poder seguir líderes na clasificación; mentres que os de  Jabato chegaban á cita no terceiro posto e cun partido menos disputado

Partido de liga entre Teucro e Cisne no Pavillón Municipal
Partido de liga entre Teucro e Cisne no Pavillón Municipal / Diego Torrado

O Pavillón Municipal dos Deportes acolleu esta fin de semana o derbi máis esperado para os pontevedreses. Despois da vitoria do Cisne ante o Teucro na Copa do Rey, os de Luís Montes buscaban o desquite para poder seguir líderes na clasificación; mentres que os de Jabato chegaban á cita no terceiro posto e cun partido menos disputado.

O partido comezou co Teucro moi ben en ataque conseguindo unha diferenza de 2-0 pero enseguida o Cisne deu a volta ao marcador e logrou 3 tantos seguidos cando se cumprían os 7 minutos de encontro (2-3). Os fallos en ataque dos de azul e as boas intervencións de Villamarín, provocaron que os de branco lograsen un parcial de 1-5 cando se cumpría o ecuador da primeira metade (3-8), todo iso marcado pola polémica arbitral en varias xogadas para ambos os equipos.

Durante os seguintes compases, os de Jabato seguiron sendo superiores ao seu rival chegando a aumentar a diferenza en ata 8 goles, distancia que o Teucro só puido recortar nun tanto antes de chegar ao descanso (9-16).

Tras o paso polo vestiario, a afección do Teucro estaba envorcada en animar ao seu equipo, que seguía sen reaccionar e vía como o seu rival atopábase cada vez máis tranquilo co paso dos minutos. Co resultado de 16-24 chegábase á metade do segundo tempo, marcada pola gran actuación de Javi Vázquez ( 9 goles) e de Andrés Sánchez (6 goles).

Quedaban 15 minutos de partido e os de Luís Montes mostrábanse cada vez máis apáticos, o tempo corría e a bancada comezaba a baleirarse. Co Teucro decaído e o Cisne gozando de cada xogada, o encontro quedou sentenciado nun 26-33 final.

Con este resultado, o Cisne suma dous valiosos puntos que o sitúan de novo no primeiro posto da clasificación a pesar de contar cun partido menos que o Teucro, co que está empatado a 10 puntos e atópase en segundo lugar. 

Consulta a acta do partido entre Teucro-Cisne na seguinte ligazón.