Un triunfo soñado para Jéssica Bouzas: "Nunca pensei que podía xogar con Venus Williams"

O Salnés
08 de agosto 2025
Actualizado: 11:55

A tenista arousá superou este xoves a unha lenda do tenis como Venus Williams na primeira rolda do WTA 1.000 de Cincinnati

Jéssica Bouzas, nun partido con España na Billie Jean King Cup
Jéssica Bouzas, nun partido con España na Billie Jean King Cup / RFET

Novo logro desbloqueado na meteórica carreira de Jéssica Bouzas.

A tenista arousá, tras o seu gran papel en Montreal, estreábase no torneo WTA 1.000 de Cincinnati ante toda unha lenda do tenis, a veterana Venus Williams, gañadora de sete grand slams e campioa olímpica.

Era a primeira vez que se medía no circuíto coa estadounidense, de 45 anos, e superouna con autoridade cun dobre 6-4.

A pesar do sólido do resultado "non foi fácil para nada", recoñeceu Bouzas tras o partido en declaracións difundidas pola WTA.

"Ela é unha lenda, é un privilexio xogar contra ela. Para min é como un soño, nunca pensei que podía xogar con Venus Williams e son moi afortunada por iso", explicou.

Agora a Jéssica espéralle unha dura segunda rolda fronte á candiense Leylah Fernández, número 24 do mundo, e gañadora recentemente dun WTA 500 en Washington.

Consolidada xa no Top-40 do mundo, un triunfo contra a canadense colocaría á Vilagarcía en situación de volver marcar o seu mellor ranking mundial.

Todo iso co US Open, último grande do ano, no horizonte, un torneo no que defenderá a terceira rolda que alcanzou en 2024.