O cesamento da competición pola crise do coronavirus deixou a moitos clubs nunha delicada situación económica pola perda de parte dos ingresos previstos. Para aliviar as maltreitas arcas de varios clubs da cidade, Turismo de Pontevedra acaba de transferir este mércores a parte proporcional do primeiro trimestre do seu patrocinio.
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, agradeceu a "dedicación e esforzo" que o persoal do seu departamento puxo nesta tramitación, "que sen dúbida será un alivio para os nosos clubs nestes momentos tan complicados", declarou a socialista.
As entidades que locen Visit Pontevedra na súa equipación e recibiron estes fondos, cuxo montante total anual ascende a 240.600 euros para todos os clubs, son Club Cisne Balonmán, Natación Galaico, Pontevedra CF, Tenis de Mesa Monte Porreiro, SD Teucro, Bádminton Ravachol, Sociedade Ximnástica e CB Arxil.
Por non presentar a documentación requirida, o Leis Pontevedra FS foi o único equipo ao que aínda non se lle transferiron os fondos.
Esta inxección económica chega poucos días despois de que a Concellería de Deportes desbloquease as cantidades correspondentes ás subvencións deportivas do ano 2018.