UD Ourense, primeiro escollo do Arosa nunha fase de ascenso de tres eliminatorias

O Salnés
24 de abril 2023

O equipo de Vilagarcía visitará o día 30 de abril O Couto na disputa do partido de ida da primeira eliminatoria polo ascenso a Segunda Federación

Partido entre Arosa - Silva na Lomba Cristina Saiz

Non houbo milagre na última xornada e o Arosa terá que xogarse o ascenso a Segunda Federación no playoff. Os de Luisito non fixeron os deberes e perderon o seu partido contra o Racing Vilalbés, con todo, tampouco lles valería a vitoria porque o Deportivo B gañou ao Barco para certificar o título e ascenso directo. 

Dixerido xa o pau, os da Lomba están centrados na fase de ascenso, que comezará a próxima fin de semana coa disputa da primeira das tres eliminatorias que terán que superar os arlequinados para conseguir o salto de categoría.

As dúas primeiras eliminatorias dispútanse entre os equipos galegos. Deste xeito, o Arosa, segundo clasificado, enfrontarase ao UD Ourense, quinto. O cruzamento resolverase a dobre partido e os de Vilagarcía xogarán a volta como locais.

A outra eliminatoria enfronta ao Racing Vilalbés co Rápido de Bouzas. Os gañadores destas roldas enfrontaranse entre si na segunda eliminatoria. En caso de empate tras a prórroga, non haberá lanzamentos de penaltis e pasará o equipo mellor clasificado na liga regular.

No bombo da terceira e definitiva eliminatoria entrarán os 18 equipos, un de cada grupo de Terceira Federación, que superaron as eliminatorias autonómicas. A ida xogarase na cancha do equipo que saia primeiro en cada un dos emparellamentos e, a diferenza das roldas anteriores, neste caso si que haberá penaltis en caso de empate.