Un CGTD vestido de verde non impide a derrota do Arxil ante o Aros de León (63-78)

Pontevedra
17 de febreiro 2019

As de Mayte Méndez non logran superar ás segundas clasificadas da categoría tras un parcial definitivo bastante negativo para elas

Partido entre o Arxil e o Patatas Hijolusa no CGTD
Partido entre o Arxil e o Patatas Hijolusa no CGTD / Diego Torrado

O Arxil recibiu esta fin de semana ao Aros de León, equipo que derrotou ás pontevedresas o pasado mes de novembro en casa e que volveu conseguilo, esta vez no CGTD. As de Méndez non foron quen de aproveitar o apoio que lle brindou a súa afección este sábado (vestiu toda a bancada de verde) e superar, así, ás leonesas para facerse con dous importantes puntos e continuar distanciándose da zona de perigo.

As leonesas dominaron o partido. Xa desde o primeiro cuarto, estas superaron ás anfitrioas (12-22), que comezaron frouxas todas as facetas do xogo. Durante o seguintes dez minutos mantívose a mesma dinámica, facendo que as visitantes se fosen ao descanso cunha vantaxe de case o dobre de puntos (26-42). 

Na segunda metade do choque, as de Mayte Méndez pareceron estar máis centradas. No primeiro período, lograron recortar algo de distancia con respecto aos seus rivais (levándose o cuarto: 18-12), apoiadas no acerto de Cassie Oursler para canastra (18). Con todo, non foi suficiente para darlle a volta ao partido, nin moito menos. Un último parcial de 19-24 terminou de bater ao Arxil, facendo imposible a remontada e permitindo que as de Aros levasen os dous puntos.

Tras a derrota, ás pontevedresas tócalles centrarse no partido da próxima semana ante o Barça CBS, un dos pesos pesados da categoría, para o que terán que viaxar a Cataluña. No municipal Juan Carlos Navarro, tratarán de sobrepoñerse e buscar o desquite do partido da primeira volta.

Consulta a acta do Arxil-Aros de León.