Un derbi provincial para recuperar sensacións

Pontevedra
21 de outubro 2017

O Pontevedra Club de Fútbol recibe este domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón ao Coruxo coa necesidade de conseguir un triunfo que lle devolva á senda positiva. O ex-granate Pazó, baixa nun cadro vigués cuxa semana estivo marcada polos efectos da vaga de incendios

David Añón, durante un adestramento do Pontevedra en Pasarón Mónica Patxot

Esquecer canto antes a derrota encaixada en Majadahonda e volver mirar cara arriba na clasificación é o obxectivo do Pontevedra na visita este domingo (17:00 horas) do Coruxo ao Estadio Municipal de Pasarón.

Non logrou vencer o equipo vigués aos granates nos seus seis enfrontamentos previos na categoría, pero non se fía un Pontevedra que é conciente da calidade do plantel que dirixe o pontevedrés Rafa Sáez.

Será ademais un derbi provincial marcado polos incendios forestais, e é que o Coruxo viuse afectado pola dura situación vivida en Galicia, prestando apoio aos veciños da zona e tendo que cambiar de lugar de adestramento, debido a problemas ocasionados no seu campo de prácticas habitual.

Rafa Sáez non poderá contar co ex-granate Adrián Pazó no centro da defensa, que se recupera dun golpe no pé.

Pola súa banda no Pontevedra Luisito segue pendente do estado físico de dous futbolistas, o pichichi David Añón e o centrocampista Álex González, dúbidas durante a semana. A pesar diso o adestrador local convocou a todos os xogadores do primeiro plantel e non será ata pouco antes do partido cando decida a lista final de 18.

Para este encontro o club mantén o prezo das entradas con respecto á anterior cita en casa: 25 euros en Tribuna, 20 en Preferencia e 15 euros nos fondos (xuvenís e infantís 5 e 3 euros respectivamente).

O colexiado designado para o choque é o madrileño Hugo José López Puerta.