Un domingo solidario en Pasarón co partido entre Pontevedra e Rayo Majadahonda

Pontevedra
07 de decembro 2022

O Pontevedra Club de Fútbol organiza unha recollida de alimentos que permitirá aos socios participantes convidar un acompañante ao partido, mentres que o colectivo Siareixs Granates recollerá xoguetes novos ou en bo estado na Pallota

Partido de Primera RFEF entre Pontevedra CF e Racing de Ferrol en Pasarón Cristina Saiz

O último partido na casa do ano para o Pontevedra Club de Fútbol, ademais de ser unha cita vital no deportivo para o equipo granate, terá un compoñente solidario, coincidindo coa visita ao Estadio Municipal de Pasarón do Rayo Majadahonda (domingo 11, 17.00 horas).

En primeiro lugar pola iniciativa impulsada desde o propio club, que organizará unha recollida solidaria de alimentos que incentiva cunha recompensa para os abonados que participen, e é que cada socio poderá acceder ao campo cun acompañante se entre ambos os dous doan un mínimo de 3 quilos de comida.

Doutra banda o colectivo Siareirxs Granates puxo en marcha a súa propia iniciativa, no seu caso orientada á recollida de xoguetes novos ou en bo estado que serán doados á Asociación Boa Vida.

Os interesados en participar poderán depositar os xoguetes na Pallota desde as 12.00 horas do mediodía e ata as 16.00 horas da tarde.