Con moitos esforzo detrás pero o Medio Maratón de Pontevedra está decidido a saír adiante e disputar a súa XXV edición o vindeiro domingo 18 de outubro.
A organización da proba deportiva, a cargo da Sociedad Gimnástica e o Concello de Pontevedra, publicou o seu regulamento e abriu o primeiro prazo de inscrición, que será só de 48 horas.
Entre as principais novidades destaca que o medio maratón verase limitado a unha participación máxima de 300 atletas, entre os que terán prioridade os deportistas empadroados en Pontevedra ou pertencentes a algún club da cidade. Son os que poden anotarse na web www.emesports.es ata as 23.59 horas deste mércores día 7.
Só se non se cobre a cota abrirase unha segunda inscrición sen limitacións a partir das 15.00 horas do xoves 8 de outubro ata o domingo 11.
O Medio Maratón de Pontevedra adaptouse á situación sanitaria cun exhaustivo protocolo de prevención que, por exemplo, fixa a saída de dous en dous por parte dos atletas e cada 15 segundos, para limitar así o contacto con outros participantes.
Ademais tívose que habilitar un novo percorrido, evitando o paso polo centro da cidade ao reducirse notablemente a participación para non despregar un importante dispositivo de tráfico. Por iso, nesta ocasión a carreira dará comezo na rúa Xosé Malvar ás 9.00 horas do domingo 18 de outubro desenvolvéndose en dúas voltas de 10,5 quilómetros nun circuíto que pasará pola zona da Illa das Esculturas e o campus universitario.