Un partido de sanción para Capi e dous ao 'Secre'

Pontevedra
30 de novembro 2016

O Xuíz de Competición ratificou a sanción ao defensa central, polo que se perderá o duelo do próximo domingo ante o Boiro. Pola súa banda o delegado granate, expulsado en Coruxo por protestar, non poderá exercer o seu labor nas dúas próximas xornadas

Capi, realizando estiramentos en Pasarón Mónica Patxot

Luisito non poderá contar con Capi para o choque do próximo domingo (17:00 horas) en Pasarón ante o Club Deportivo Boiro.

O Xuíz de Competición de Segunda B ratificou a sanción dun partido ao central granate, expulsado ante o Coruxo por dobre amoestación.

O segundo dos cartóns, moi protestado polo propio futbolista ao entender que o balón non lle deu na man, fixo que o club pensase en presentar alegacións, pero finalmente aceptou o castigo.

Tamén foi sancionado o delegado do Pontevedra, José Carlos Couto 'Secre', no seu caso con dous encontros de suspensión despois de ser expulsado en Vigo. No acta do encontro o colexiado xustificou que a expulsión se produciu por "saír correndo da área técnica, gritando e cos brazos no alto, para protestar unha das miñas decisións".