Un percorrido máis curto e con cambios: Así será a San Silvestre de Pontevedra 2023

Pontevedra
12 de decembro 2023

A popular proba deportiva terá este ano un percorrido de 3.500 metros de lonxitude con saída na Avenida de Bos Aires á altura da ponte do Burgo e chegada na Avenida de Montero Ríos

San Silvestre 2022

A San Silvestre volverá a converter o próximo 31 de decembro a Pontevedra en toda unha festa deportiva e familiar, con milleiros de participantes nas rúas.

Farao con importantes cambios, obrigados pola instalación na Avenida de Montero Ríos das aulas portátiles do Instituto Valle-Inclán, e é que por motivos de seguridade só a liña de meta manterase no lugar habitual.

A saída será como sempre ás 17.00 horas pero nun novo punto, a Avenida de Bos Aires á altura da ponte do Burgo. Iniciarase aí un percorrido máis curto do habitual, ao reducirse aos 3.500 metros aproximadamente. Apto para todos os públicos. 

Unha vez se de a saída, a caravana multicolor dirixirase por orillamar para virar pola Travesía da Galera e subir por Arcebispo Malvar cara á Praza de España, desde onde os deportistas enfilarán a Rúa Michelena seguindo por esta orde por Fernández Villaverde, Rúa Real, Sarmiento, Pasantería, Paseo Odriozola, Peregrina, Andrés Mellado, Praza de Galicia, Praza da Constitución, rodear a igrexa de San Xosé, seguir por Iglesias Vilarelle, Antero Rubín, Augusto García Sánchez, de novo Praza de Galicia, Augusto González Besada, San Xosé, Riestra e finalizar na Avenida de Montero Ríos.

As inscricións para a San Silvestre estarán dispoñibles a partir deste próximo mércores 13 de decembro, co único requisito de entregar un alimento non perecedoiro á hora de anotarse para colaborar cos fins solidarios do evento, na tenda Miler da Rúa Peregrina de 10.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Será así ata o día 23 de decembro.

Os últimos días previos, do 26 ao 30 de decembro, o lugar de inscrición será o número 1 da Rúa Castelao, de 10.30 a 13.30 horas e de 17.30 a 20.30 horas, ademais do propio 31 de decembro de 10.00 a 13.30 horas.