Un Pontevedra sen ganas despide a pretemporada con derrota en Moaña (2-0)

Pontevedra
14 de agosto 2016

Luisito non quixo arriscar a falta dunha semana para comezar a liga e presentou un equipo de circunstancias, no que faltaban a maior parte dos homes que se supón deben levar o peso do equipo no debut ligueiro. Iso deixouse notar nun Moaña ambicioso, que puxo máis ganas e apenas permitiu que os granates creasen perigo ante a súa meta

Partido amigable entre CD Moaña e Pontevedra no Casal
Partido amigable entre CD Moaña e Pontevedra no Casal / PontevedraViva

Sen tensión nin intensidade, o Pontevedra despide a pretemporada cun mal partido que lle custa a derrota fronte a un Moaña motivado que soubo aproveitar as súas ocasións e que xogou case toda a segunda parte en superioridade, ao ser expulsado o dianteiro visitante, Mario Barco, por dobre amoestación, ao protestar as decisións arbitrais.

Luisito non quixo arriscar a falta dunha semana para comezar a liga e presentou un equipo de circunstancias, no que faltaban a maior parte dos homes que se supón deben levar o peso do equipo no debut ligueiro. Iso deixouse notar nun Moaña ambicioso, que puxo máis ganas e apenas permitiu que os granates creasen perigo ante a súa meta.

O equipo local adiantouse na primeira parte (minuto 35), ao transformar Darío un penalti cometido por Bruno.

Tras o descanso, a temperá expulsión de Mario Barco fixo máis complicada a reacción visitante. Os granates tentábano sen demasiado éxito nin tampouco bo xogo, ata que o Moaña aproveitou o adiantamento de liñas pontevedrés para sentenciar o resultado ao seu favor nun contraataque finalizado por Rober.

CD MOAÑA (2): Ángel; Darío, Agus, Toni, Javi, Berto, Álex Cubas, Pingui, Rober, Borja e Darío González. Tamén xogaron: Hugo, Suso, Pol, Fito, Omar e Yelko.

PONTEVEDRA CF (0): Edu; Adrián, Bruno, Brais, Álex Fernández, Gonzalo, Miki, Mouriño, Mario Barco, Jacobo e Álex González. Tamén xogaron: Miguel, Lezcano, Wadir e Añón.

Árbitro: Millán Fernández (Pontevedra). Expulsou ao xogador visitante Mario Barco (minuto 50) por dobre amarela.

Goles: (1-0) Minuto 35: Darío, de penalti. (2-0) Minuto 70: Rober.

Incidencias: Campo de O Casal (Moaña). Uns 150 espectadores.