A poucos días de que comece a liga, cun desprazamento a Guijuelo (domingo 21 ás 18:00 horas), Luisito segue pensando en que once inicial aliñará.
Nel non estará, case con total seguridade, un dos que apuntaban a fixos na aliñación, Iker Alegre, debido ás molestias que arrastra no xeonllo desde o Trofeo Luís Otero ante o Lugo.
O golpe sufrido nese choque impediulle adestrar con normalidade no inicio de semana, polo que se decidiu realizarlle unha resonancia magnética este xoves para descartar unha doenza grave. As primeiras valoracións non apuntan a unha lesión importante, pero a súa presenza no debut ligueiro do equipo é pouco probable.
O que non estará seguro é o dianteiro Mario Barco, que arrastra unha sanción da pasada campaña, cando militaba no Somozas e foi expulsado na última xornada da liga regular. Pola contra Capi mellorou das molestias que padecía e traballa xa co grupo.
KEVIN PRESA, DISPOÑIBLE
O caso de Kevin Presa segue sendo o culebrón do verán, pero o futbolista granate segue dentro da disciplina do equipo e dende o club aseguran que pode mesmo entrar na convocatoria para Guijuelo. Con todo as negociacións cos clubs interesados no centrocampista continúan abertas.
OFRENDA E COMIDA DE INICIO DE TEMPADA
Este mércores o primeiro plantel do Pontevedra, xunto a corpo técnico e membros do Consello de Administración, protagonizaron a tradicional ofrenda á Virxe Peregrina que dá comezo oficial á tempada. Tras o acto trasladáronse ao Hotel Campaniola para gozar dunha comida de grupo.