Un "premio inesperado" para Rubén Ferrero, arbitar na fase final da LNFS e a Primeira Feminina

Pontevedra
03 de xuño 2020

O colexiado pontevedrés, xunto á súa parella arbitral José Manuel Carreira, é un dos 20 árbitros designados para dirixir os play-off nas máximas categorías do fútbol sala nacional, a pesar de estar a vivir a súa primeira tempada na elite

Rubén Ferrero, nunha xornada de formación arbitral na Casa das Campás de Pontevedra
Rubén Ferrero, nunha xornada de formación arbitral na Casa das Campás de Pontevedra

"Eu xa daba por finalizada a tempada", recoñece o pontevedrés Rubén Ferrero con respecto ao seu primeiro ano como árbitro na Liga Nacional de Fútbol sala (LNFS), a máxima competición nacional masculina, despois da paralización da mesma polo coronavirus. Pero nada máis lonxe da realidade, e é que o bo labor realizado xunto ao seu compañeiro, o tamén galego José Manuel Carreira valeulles para o que Comité Técnico de Árbitros da Real Federación Española de Fútbol os teña escollido para tomar parte nos play-off polo título na máxima categoría, tanto masculina como feminina.

Ferrero e Carreira atópanse entre os 20 colexiados designados para as fases finais, que se pretende dispútense simultaneamente nunha sede única (barállase Málaga como opción a finais de xuño).

"É un premio inesperado porque é a miña primeira tempada en Primeira División", explica o colexiado, responsable de formación en fútbol sala do Comité Técnico de Árbitros de Pontevedra.

Para el a tempada xa resultara un éxito e estaba "moi contento" co seu labor "independentemente da designación para o play- off", e é que o salto á elite do seu deporte "xa fora espectacular por equipos, por xogadores, por pistas, pola afección... é un soño. Imaxina 4.000 ou 5.000 persoas nun pavillón, pistas míticas que vías pola televisión cando eras pequeno, xogadores os mellores do mundo... que máis podes pedir?".

Rubén asegura que a pesar de todo o seu obxectivo segue sendo "asentarnos na categoría", unha LNFS na que "se nota moito máis a responsabilidade, ten máis repercusión e estás moito máis analizado".

Iso non lle impediu gozar dun ano que se viu interrompido de golpe, un parón que "foi duro ao principio, porque vés de estar adestrando e competindo e nunha semana quítancho todo". Con todo tivo que cambiar rápido o chip e centrarse no seu traballo diario como Policía Local en Redondela: "a arbitraxe tivo que pasar a un segundo plano, é máis complicado centrarche niso cando vías na rúa o que estaba a pasar", sinala, xa que "a vida son momentos e era momento de axudar e sumar para tentar erradicar o tema do Covid".

Agora, coa designación na man e se se cumpren os plans da Federación, terán algo menos dun mes para prepararse a conciencia para os play- off. "Faltará un pouco a rodaxe dos partidos", recoñece, "pero isto é como andar en bicicleta, non se esquece". Seguro que o gozará poñendo a guinda a unha tempada soñada a nivel persoal.