Un reto solidario completa o medio maratón Maralba entre O Grove e Cambados

O Salnés
18 de setembro 2014

David Cal, Bea Gómez, Veloso ou os alcaldes do Grove e Cambados encóntranse entre os participantes. Os minutos que tarden os dous equipos formados para o reto converteranse en comida para Cáritas

Presentación do resto solidario do Maralba Running Fest en Cambados
Presentación do resto solidario do Maralba Running Fest en Cambados / Maralba Running Fest

O medio maratón Maralba Running Fest, que unirá O Grove e Cambados o próximo 28 de setembro, completarase cun reto solidario no que participarán algúns dos deportistas máis destacados de Galicia.

Formaranse para a ocasión dous equipos de cinco integrantes que deberán completar os pouco máis de 21 quilómetros de percorrido.

Os minutos que cada equipo tarde en chegar á meta converteranse en quilos de comida que Gadis doará aos centros de Cáritas de Cambados e O Grove.

No caso de que os protagonistas consigan rematar por debaixo das dúas horas, a cifra de quilos multiplicarase por dous.

O primeiro dos equipos estará composto pola nadadora olímpica Bea Gómez Cortés, o maratoniano Manuel Hurtado, o atleta veterano Manuel Rosales, o cociñeiro Javier Olleros e o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez.

Pola súa banda no segundo grupo formarán o campión olímpico David Cal, o ciclista Gustavo César Veloso, a xogadora de baloncesto Sara Gómez, a atleta veterana Esther Pedrosa e o alcalde de Cambados, Luis Aragunde.

Todos os relevistas afrontarán unha posta de cinco quilómetros, a excepción dos rexedores, que realizarán o último relevo de 1.097 metros.