Unha caída no pelotón aparta ao Froiz da loita pola vitoria na segunda proba da Copa de España

Pontevedra
09 de marzo 2020

O vixésimo quinto posto de Víctor Romero foi o mellor do equipo pontevedrés no Trofeo Guerrita nunha fin de semana no que o pontevedrés Samuel Blanco acabou décimo quinto nunha proba do circuíto profesional celebrada en Portugal

O arxentino Nicolás Antorena coroou o primeiro porto como líder do Trofeo Guerrita de Murcia G. D. Supermercados Froiz

É un dos principais obxectivos da tempada a o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, pero o inicio da Copa de España estáselle atragoando á escuadra que dirixe Evaristo Portela. Se na primeira proba celebrada hai unha semana en Estremadura tiveron que conformase cun vixésimo noveno posto, esta fin de semana no Trofeo Guerrita de Murcia foi vixésimo quinto posto de Víctor Romero o mellor da escuadra alimenticia.

A mala fortuna volveu cebarse co equipo pontevedrés, que conseguiu meter entre os cinco fuxidos ao arxentino Nicolás Antorena, quen foi o primeiro en coroar o primeiro porto do trazado murciano. Con todo, a escapada foi neutralizada polo grupo perseguidor composto por 35 ciclistas, entre os que se decidiu finalmente a vitoria, que se decidiu ao sprint e levouna Victor Ocampo do Colnago C. M. Víctor Romero, vixésimo quinto, chegou no grupo de cabeza pero non tivo opcións de pelexar pola vitoria.

Uns quilómetros antes, unha caída no pelotón que se saldou sen danos afectou a catro corredores do Froiz. Adrian Barros, Abel Franco, Aaron Mariño e Guillermo Garcia acabaron no chan, perderon a conexión co grupo de cabeza e cruzaron a liña de meta con varios minutos de atraso.

Doutra banda, o pontevedrés do Súper Froiz, Samuel Blanco, participou na Clásica de Primavera de Portugal, unha proba do circuíto profesional. O corredor conseguiu manterse no grupo de cabeza ata o final de próbaa pero non tivo opcións de loitar pola vitoria, que se decidiu ao sprint, e tivo que conformarse cun meritorio décimo quinto posto.