Unha carreira popular como promoción da Ruta do Viño Rías Baixas

O Salnés
06 de xullo 2016

A proba, de 8 quilómetros de percorrido para a categoría absoluta, celebrarase o vindeiro domingo 24 de xullo en Meaño. Estableceuse un límite de participación de 300 deportistas adultas e 150 nas categorías de menores

Participantes na cuarta edición da carreira popular PonteNoite 5+5 Diego Torrado

O deporte afeccionado como elemento de promoción. É a principal premisa da primeira Carreira Popular Ruta do Viño Rías Baixas, que se celebrará en Meaño o vindeiro domingo 24 de xullo.

Con saída ás 10:00 horas desde o Campo da Feira, os deportistas participantes afrontarán 8 quilómetros de percorrido pasando por algunhas das adegas vinícolas da zona.

Pola súa banda para as categorías de menores, desde os 6 aos 18 anos e fixadas para as 11:00 horas, habilitarase un circuíto de 900 metros que discorrerá polo Campo da Feira, as aldeas de Covas e Canle e a rúa Desiderio Dóvalo. Tamén haberá unha proba máis reducida para os máis pequenos, a categoría chupete.

A organización estableceu un límite de participantes, con 300 inscricións a un prezo de 3 euros na carreira absoluta e 150 prazas nas de menores, que serán de balde.

As inscricións poden formalizarse ata o 21 de xullo na web www.carrerarutavinoriasbaixas.com.