Unha dobre xornada para poñer a proba o bo momento do Arxil

Pontevedra
12 de decembro 2023

O conxunto pontevedrés, que suma seis vitorias consecutivas na Liga Feminina 2 que lle levantaron a postos de play-off, afrontará con menos de 24 horas de diferenza os seus dous últimos partidos do ano

Partido entre CB Arxil e Maristas Coruña no CTGD
Partido entre CB Arxil e Maristas Coruña no CTGD /

O Club Baloncesto Arxil vive o seu mellor momento da tempada na Liga Feminina 2.

O conxunto pontevedrés suma seis vitorias consecutivas no campionato que lle fixeron levantarse ata os postos de play-off de ascenso, e só o intratable ata a data Segle XXI (10 vitorias e ningunha derrota) mantén un mellor estado de forma.

Cun partido menos que os seus rivais o Arxil é quinto e con posibilidades de empatar coa segunda posición.

Nesta circunstancia as de Mayte Méndez afrontan un esixente exame na última semana de competición do ano, antes do parón de Nadal, e é que deben xogar dous encontros en menos de 24 horas.

Así o pactou o propio Arxil co GEiEG tras aprazar en novembro o partido entre ambos os dous equipos. Por iso as verdes farán 2x1 en Cataluña medíndose o sábado 16 (17.00 horas) a domicilio ao Mataró e facer o propio o día seguinte, o domingo 17 (16.00 horas) contra o GEiEG en Xirona.

Toda unha proba ao carácter dun equipo que superou un complicado inicio de tempada e sobrepúxose aos problemas físicos de varias das súas xogadoras importantes.