Unha mala xornada fai caer a Támara Echegoyen ao duodécimo posto no Europeo de 49er FX

Pontevedra
01 de outubro 2020

A pontevedresa e a súa compañeira Paula Barceló colocáronse sextas tras a primeira xornada de competición, pero dúas irregulares regatas este xoves fixéronlles perder posicións

Támara Echegoyen e Paula Barceló
Támara Echegoyen e Paula Barceló / Sailing Energy

As esperanzas de pelexar polo título continental escápanse para Támara Echegoyen e Paula Barceló.

A regatista pontevedresa e a súa compañeira a bordo do 49 er FX iniciaran co Campionato de Europa que se está disputando en augas do lago Atter, Austria, cunha esperanzadora sexta posición provisional. Na primeira xornada as campioas do Mundo lograra un triunfo parcial, un segundo posto e un 14º.

Ante a falta de vento, a competición suspendeu a súa segunda xornada, e coa terceira este xoves 1 de outubro volveu demostrarse a dificultade do campo de regatas.

Echegoyen e Barceló comezaron a xornada cun positivo cuarto posto na primeira manga, pero nas outras dúas regatas asinaron un 14º e un 18º que lles penalizou na clasificación a pesar de entrar en xogo os descartes.

A parella galego-balear ten aínda opcións de remontar posicións, aínda que as prazas de podio quedan xa moi lonxe nun Europeo que polo momento comandan as alemás Tina Lutz e Susann Beucke.

O Campionato de Europa encárase agora cara ás series finais, estando prevista a regata decisiva de peche o vindeiro domingo día 4 de outubro.