Unha prata e tres bronces para o Mace Sport no Open de España de técnica e freestyle

Pontevedra
25 de marzo 2017

Tras a suma dos resultados deste Open e o Campionato de España, Marcos Silva logrou a clasificación para o Europeo de freestyle, na proba individual para maiores de 18 anos

Deportistas galegos que lograron medalla no Open de España de taekwondo Federación Galega de Taekwondo

Bos resultados para o Mace Sport na primeira xornada do Open de España de taekwondo que se celebrou este sábado en Alacante. Así, nun día dedicado ás modalidades de técnica e freestyle, o club pontevedrés logrou unha medalla de prata e tres de bronce.

Todas estas preseas foron obtidas por deportistas do Mace Sport nas probas de freestyle.

Así, o mellor resultado para os taekwondistas pontevedreses foi o que logrou Marcos Silva na proba individual da categoría de 18 anos. Proclamouse subcampión do Open de España e, por tanto, conseguiu a medalla de prata.

Tras a suma dos resultados deste Open e o Campionato de España, Marcos Silva logrou a clasificación para o Europeo, na proba individual para maiores de 18 anos.

Non foi a única medalla para el, xa que como integrante do quinteto que o Mace Sport presentou á categoría de +18 anos logrou a medalla de bronce. Acompañárono Adrián Ventín, Ángel López, Sarai Pazos e Ana Pita.

O mesmo logrou Ángel López na proba individual da categoría de -17 anos e a parella formada por Adrián Ventín e Sarai Pazos na competición por parellas.