Unha prata e un bronce, balance de Bea Gómez no Meeting de Marsella

Pontevedra
09 de marzo 2015

A pontevedresa foi segunda nos 800 libre coa sétima mellor marca mundial de ano nesta distancia, aínda que lonxe do seu record galego. Logrou o bronce nos 400 estilos

Bea Gómez no podio do Meeting de Marsella Federación Galega de Natación

Brillante papel de Bea Gómez no IV Meeting OPEN Mediterranée disputado en Marsella.

A nadadora pontevedresa achégase ao seu mellor estado de forma, como reflicten as marcas logradas na cita internacional, na que sumou dúas medallas a poucas semanas do Campionato de España Open no que buscará a súa clasificación para o Mundial.

Bea colgouse a prata nos 800 libre cun tempo de 8:32.14, o seu terceiro mellor rexistro nesta distancia e ademais sétima mellor marca mundial do ano.

A proba estivo dominada pola británica Jazmin Carlin (8:25.13), pero supón un reforzo para a deportista do Galaico.

Ademais Bea Gómez foi terceira nos 400 estilos (4:43.17) nunha final na que se impuxo a húngara Katinka Hosszu (4:39.96) e a brasileira Joanna Maranhao (4:42.66).

A deportista pontevedresa tamén nadou os 200 estilos (2:15 86), primeira na Final B, e os 400 libre (4:14.51), onde foi sétima.