O Pontevedra Club de Fútbol segue a coñecer aos rivais aos que se medirá a próxima tempada na Primeira RFEF, unha categoría que terá acento galego.
A salvación a fin de semana de CD Lugo e Arenteiro na última xornada de competición fai que sexan seis os equipos galegos confirmados na terceira categoría do fútbol nacional, xunto ao propio Pontevedra, Celta Fortuna, Ourense CF e o descendido Racing de Ferrol.
Unha situación que ofrecerá a oportunidade aos afeccionados granates de vivir desprazamentos próximos e apetecibles, con cinco derbis, pero que á súa vez a nivel deportivo eleverá a competencia nun mercado cada vez máis exixente.
Todo iso nun momento no que a falta de información oficial sobre a planificación deportiva, co futuro do adestrador e a maior plarte do plantel no aire máis dun mes despois do ascenso, empeza a volverse dificilmente sostible.
A falta de que se resolvan os play-off de ascenso, a cifra de equipos xa confirmados na Primeira RFEF 25-26 elévase xa a 29 (de 40).
Aos galegos súmanselles tres descendidos máis desde a Segunda División como CD Tenerife, CD Eldense e Cartagena e os ascendidos como campións en Segunda RFEF, é dicir, CE Europa, o CD Guadalajara, o Arenas Club de Getxo e o Torremolinos.
Ademais no Grupo I de Primeira RFEF salvaron a categoría SD Tarazona, Athletic Club B, Zamora CF, Barakaldo CF, Osasuna Promesas e Unionistas de Salamanca, e no Grupo II fixeron o propio Real Madrid Castela, Atlético de Madrid B, Sevilla Atlético, Algeciras CF, AD Alcorcón, Villarreal B, Hércules de Alicante, Betis Deportivo, Atlético Sanluqueño e Marbella.
Do resto de prazas por confirmar, seis sairán dos equipos que buscarán vía play-off o ascenso a Segunda División con dúas prazas en xogo (SD Ponferradina, Real Sociedad B, FC Andorra, Nàstic de Tarragona, Real Murcia, UD Ibiza, AD Mérida e Antequera CF) e outro cinco das finais polo ascenso en Segunda RFEF (Estepona-Cacereño, Teruel-Numancia, Torrent-Talavera, Sabadell-UCAM e Rayo Majadahonda-Real Avilés).