Despois de catro xornadas de liga e buscando a continuidade no seu xogo, o Arxil afronta este sábado un duro exame no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (19:30 horas).
Visita Pontevedra un dos líderes invictos da competición, un Adareva canario que na súa primeira tempada na Liga Feminina 2 está a sorprender polo seu gran rendemento.
O conxunto verde, despois de sumar dous triunfos en casa e outras tantas derrotas a domicilio, busca unha regularidade que lle permita asentarse na zona cómoda da clasificación.
Para iso deberá mellorar en certos aspectos, como no acerto en tiros de campo que supera por pouco o 30% no que vai de liga.
O partido ante o Adareva, equipo que a domiclio non viaxa con todo o seu amplo plantel, supón tamén unha proba de nivel para coñecer as aspiracións reais do bloque pontevedrés.