É un dos maiores desafíos aos que se enfronta o Pontevedra Club de Fútbol, aumentar a asistencia cada domingo ao Estadio Municipal de Pasarón engordando para iso a súa masa social e lembrando a tempos non tan afastados.
Neste aspecto a tempada que se pecha deixou un bo sabor de boca na entidade granate, e é que se trata dun esforzo que só se pode entender a longo prazo, pero que se reforza con momentos como os vividos nos últimos meses tanto co ascenso a Primeira RFEF como coas xestas da Copa do Rei fronte a equipos de Primeira e Segunda División.
Pasados xa uns días desde o final oficial do curso, e analizando en frío os datos ofrecidos ao longo de toda a tempada polo propio Pontevedra de maneira oficial en cada un dos seus encontros como local, reflíctense 'brotes verdes' nas bancadas de Pasarón.
Só no que respecta á liga de Segunda RFEF, a media da tempada concluía en 3.103 espectadores. Neste sentido destaca especialmente a cifra de asistencia na antepenúltima xornada contra o Laredo, na que se certificou o ascenso e na que se rozou o cheo con aproximadamente 10.300 espectadores. É a única cifra aproximada das dadas este curso pola entidade granate, sendo o resto rexistros oficiais.
Ademais contra o Numancia, a pesar de disputarse o encontro a golpe de mércores, foron 5.713 os afeccionados presentes en Pasarón. Pola contra, por abaixo, só se rexistraron menos de dous milleiros de seguidores nunha ocasión, contra o Marino de Luanco (1.962), curiosamente na única derrota como local en liga.
A estas cifras únense as grandes entradas rexistradas na Copa do Rei, con 3.837 espectadores para recibir o Levante na primeira rolda, 8.192 fronte ao Villarreal na segunda e dous case cheos fronte a Mallorca (10.292) e Getafe (10.497).
Sumando o periplo copeiro a media final da tempada subiu aos 4.075 espectadores.
Uns números que son sensiblemente superiores aos da tempada 2023/2024, cando a media da liga foi de 2.634 afeccionados (medio milleiro menos) e sumando o play-off de ascenso 3.239 espectadores.
Ese ano as mellores entradas en Pasarón rexistráronse contra o Ourense CF, no duelo clave da liga regular (7.772), e na fase de ascenso contra Deportivo Aragón (6.568) e Betis Deportivo (109.192), tal e como recompilou a conta especializada en estadísticas Datos PCF.
Asistencia a Pasarón na 23/24:
— Datos PCF (@datospcf) June 3, 2024
A tempada remata sen o ascenso pero con 10192 espectadores, récord da tempada e seguramente no top 5 de asistencia dende a renovación do estadio.#DatosPCF pic.twitter.com/JiQIJ9xfwG
Un ano antes, en Primeira RFEF, a pesar de ser superior categoría, a asistencia media en liga foi de 2.500 espectadores, cun cheo en Copa contra o Mallorca que fixo subir a cifra final até os 2.914, moi por baixo da rexistrada na tempada que agora finaliza, e que evidencia unha tendencia á alza de dous anos consecutivos que, todos esperan, se poida consolidar co regreso á terceira categoría do fútbol nacional.