Unha xeira sen derrotas que non se daba desde fai nove tempadas

Pontevedra
21 de novembro 2023

O Pontevedra Club de Fútbol encadea once xornadas sen coñecer a derrota, desde que caese na primeira data da liga fronte á Gimnástica de Torrelavega. Son máis de dous meses sen perder, circunstancia que non se producía na casa granate desde a súa última campaña en Terceira División, na tempada 14-15

Partido de liga entre Pontevedra CF e Arandina CF en Pasarón
Partido de liga entre Pontevedra CF e Arandina CF en Pasarón / Cristina Saiz

Máis de dous meses sen perder e subindo. O Pontevedra Club de Fútbol arrincou a tempada cunha dolorosa derrota na casa fronte á Gimnástica de Torrelavega (1-2), un resultado que o tempo demostrou ter sido un accidente, e é que os de Yago Iglesias non volveron a ser derrotados no que vai de liga.

Desde entón son xa once xornadas as que transcorreron sen que os granates morderan o po, con sete triunfos e catro empates. Só queda poder asaltar un liderado que se segue a resistir pero que está xa a dous puntos.

Esta xeira supón a mellor serie desde a campaña 14-15, aínda en Terceira División nun curso que finalizou con ascenso a Segunda B. Por aquel entón foron 12 os encontros sen perder, desde que o equipo se vise sorprendido polo Sanxenxo (0-1) a golpe do 28 de setembro. Os granates non volverían perder ata o mes de xaneiro, 1-0 en Cerceda.

Nove tempadas separan ambas as dúas xeiras, e por medio chegouse en dúas ocasións aos 10 partidos sen caer. A primeira delas na 15-16 en Segunda B aínda que contando partidos de liga e de Copa Federación, mentres que no curso 21-22 con Ángel Rodríguez no banco e en Segunda RFEF foron 10 as xornadas de liga sen coñecer a derrota (seis vitorias e catro empates).

No século XXI para atopar a mellor serie na Segunda División B (agora Segunda RFEF) hai que remontarse á campaña 01-02 con Raúl González na dirección técnica. Aquela campaña chegáronse a encadear 13 xornadas sen perder (sete vitorias e seis empates) nun fulgurante inicio de liga. Foi nun curso canto menos estraño, xa que o adestrador acabou sendo cesado na xornada 35 no medio dun ambiente enrarecido co equipo en segunda posición e con pé e medio xa no play-off de ascenso.

Volvendo á actualidade o Pontevedra ten agora a opción de igualar a mellor cifra dos últimos anos o vindeiro domingo no campo do Covadonga, e de superala unha semana máis tarde coa visita do Compostela a Pasarón.